Wednesday 15 de May de 2024

Aprobado o POS+ 2019, que inclúe a construción dun albergue de peregrinos na Chaínza, a mellora do parque de San Lázaro, a mellora do acceso peonil á praia do Testal e o saneamento separativo na rúa Outonil


 

O Pleno gardou un minuto de silencio polo asasinato de Laura Luelmo

O pleno municipal de Noia aprobou esta mañá a proposta da Alcaldía para o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS+ 2019 da Deputación Provincial da Coruña, que ascende a 804.544,42 euros. Unha proposta que foi aprobada cos votos a favor de PP, PSOE, NOIA e BNG, e coa abstención da Marea de Noia.

A sesión comezou cun minuto de silencio en condena polo asasinato de Laura Luelmo. Acto seguido, o alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, desglosou a proposta da Alcaldía, que inclúe catro actuacións “necesarias e demandadas polos veciños e veciñas de Noia”: a construción dun albergue de peregrinos na Chaínza (197.193,27 euros), a mellora do parque de San Lázaro (102.069,22 euros), o saneamento separativo na rúa Outonil (233.140,52 euros) e a mellora do acceso peonil á praia do Testal (202.192,28 euros) e. Así mesmo, destinaranse os 287.122,07 da Achega 2019 euros a gasto corrente.

Freire explicou que os 202.192,28 euros do Plan Complementario destinaranse á mellora dos accesos peonís á praia do Testal. “É un proxecto que inclúe a mellora do acceso peonil á praia e tamén da zona de estacionamento no porto e na praia”, apuntou o alcalde de Noia, quen indicou que “esta actuación complementarase con outra de rexeneración que xa foi adxudicada por Portos do Estado”.

Sobre a mellora do parque infantil de San Lázaro, Santiago Freire indicou que “é unha demanda que nos fixeron chegar numerosos veciños e veciñas, polo que imos mellorar as instalacións actuais e ampliar a súa superficie. Renovaremos o chan e melloraremos os xogos actuais e instalaremos unha nova área de xogos para acoller a nenos e nenas doutras idades”.

Debate

A voceira do BNG, Irati García, apoiou os proxectos, se ben indicou que botaba en falla máis inversión en saneamento ou en cultura, criticando que “estamos no límite do tempo, o que evidencia o problema de falta de persoal neste concello”. Un punto no que coincidiu o voceiro da Marea de Noia, Manuel Seijas, quen asegurou que “é un plan feito de xeito unilateral, presentado a 24 horas do prazo máximo” e con catro proxectos cos que “non entendo o modelo de vila que queren para Noia”.

Seijas defendeu a necesidade do saneamento separativo na rúa Outonil, pero asegurou “non estar de acordo en actuar no parque infantil de San Lázaro” e cuestionou os cartos que se están a investir na Chaínza, preguntando que se fixo cos 220.000 euros destinados á mellora deste enclave. Finalmente, o voceiro municipal socialista, José Manuel Lage, destacou que “a Administración que máis axuda a este Concello é a Deputación Provincial” e botou en falta “a existencia dun plan director no saneamento”.

O alcalde de Noia respondeu ao voceiro socialista que “a Deputación ven mantendo criterios de reparto en función de criterios obxectivos, non é algo que se inventaran agora, é algo que se fai dende hai tempo”. Así mesmo, explicou que o Concello de Noia fixo as xestión precisas para elaborar ese Plan Director, “a través de Interreg e será un diagnóstico preciso do saneamento, abastecemento e do funcionamento da depuradora. Este estudo permitirá establecer prioridades e ter un diagnóstico claro do estado e das necesidades da rede”. Así mesmo, lembroulle á concelleira do BNG que “en dous anos e medios se fixeron importantes actuacións en saneamento moitos lugares: Ousoño, Orro, A Barquiña…, así como actuacións de mellora da rede de abastecemento de auga”.

Albergue na Chaínza

Sobre as críticas da Marea ao proxecto da Chaínza, Freire Abeijón explicou que “non renunciamos a facer un concurso de ideas, pero primeiro había que ter consolidados os muros do edificio”. Así mesmo puntualizou que “un dos edificios dese conxunto será o destinado a albergue de peregrinos”. Sobre o destino dos cartos ao proxecto de recuperación da Chaínza, Freire lembrou que o proxecto conta tamén con achegas tanto da Consellería de Medio Rural (153.854,12 euros) como do Concello de Noia (97.000 euros) ata sumar un total de 448.275,66 euros, que espera que sexan executados ao longo do 2019.

Así mesmo, Santiago Freire lamentou as palabras do voceiro da Marea sobre o parque infantil de San Lázaro, “cando dende o principio se pedían actuacións nos parques infantís e implantar novos. Con esta actuación queremos dar resposta e cumprir coas solicitudes que nos fan os veciños e veciñas”. Finalmente, sobre as críticas á unilateralidade da proposta, Santiago Freire lembrou que “os proxectos están definidos e sobre eles temos falado moito neste mesmo salón de plenos. Se queren dicir que non se consensuaron, fágano, que cada quen faga a súa interpretación”.